CRTVG

Buscar

Caballero pide un fondo da Xunta para compensar gastos dos concellos derivados da pandemia

Publicado o 18/01/2021 16:29

O PSdeG pídelle á Xunta que inclúa nos orzamentos de 2021 un fondo extraordinario covid para os concellos. O líder dos socialistas galegos di que se deberían destinar como mínimo 100 millóns de euros a este fin.

Neste sentido, sinalou que, pese ao incremento total do orzamento galego para 2021 derivado da chegada de fondos de continxencia europeos e estatais, as partidas para entidades locais diminúen con respecto a 2020.

Caballero cualificou de "navallada" esta decisión do Executivo autonómico e chamou a corrixila de inmediato con ese fondo extraordinario de polo menos 100 millóns de euros non finalistas para transferencias directas aos concellos, que viron incrementados os seus gastos ao asumir servizos como a axuda en fogares, limpezas ou policía.

Caballero esixe que Feijóo explique no Parlamento as medidas ante a terceira onda.

Ademais, o secretario xeral do PSdeG esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que compareza no Parlamento de Galicia para que explique as medidas tomadas polo executivo galego para combater a terceira onda do coronavirus.

En conferencia de prensa, Caballero trasladou a súa "profunda preocupación" pola evolución dos niveis de contaxios e positividade do virus nas últimas semanas, ademais de alertar de que estes comezan a repercutir na presión asistencial dos hospitais.

"Hai que estar moi pendentes do que está a acontecer", manifestou o líder do PSdeG, que considerou oportuno que o presidente galego compareza e detalle "todas as medidas sanitarias, económicas e sociais" que se foron aprobando nestes días.

"Non podemos dilatar máis os tempos", sostivo Caballero, que declarou un especial interese por saber cal será o plan económico do Goberno galego "para resistir fronte á terceira onda da covid-19".

Noticias web

18/01/2021