Caballero insta a Xunta a explicar o "fracaso" da candidatura a patrimonio da humanidade da Ribeira Sacra
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou á Xunta a explicar o "fracaso" da candidatura a patrimonio da humanidade da Ribeira Sacra e chama a "aprender dos erros" para acertar coas outras opcións de Galicia. O xefe de filas dos socialistas galegos visitou a Ribeira Sacra despois de coñecerse o informe negativo do comité evaluador da Unesco sobre a candidatura deste enclave a Patrimonio da Humanidade.
Desde alí, o máximo dirixente dos socialistas de Galicia puxo en valor "unha marabilla cultural e paisaxística" e urxiu explicacións ao Goberno galego sobre "un fracaso colectivo" do que se debe "aprender". "O conselleiro de Cultura ten que comparecer en sede parlamentaria para facer balance e explicar por que fracaso esta candidatura", reclamou Gonzalo Caballero, despois de coñecer que o informe técnico presenta "evidencias" e "debilidades" na argumentación cando aborda a "relixiosidade" e as "cuestións culturais" nas que se baseou a exposición de motivos que fixo o executivo autonómico para optar á lista de Patrimonio da Unesco.