CRTVG

Buscar

Caballero di que foi o PP quen privatizou Audasa e lle deu 25 anos máis de concesión

Publicado o 24/09/2021 16:05
EP

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, replicoulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "foi o Partido Popular o que privatizou Audasa" e lle deu "25 anos máis de concesión" da Autoestrada do Atlántico, a AP-9.

Nunha conferencia de prensa celebrada este venres na Cámara galega, Gonzalo Caballero referiuse ás declaracións nas que o titular do Goberno galego asegurou que a concesión desta vía foi ampliada tanto por gobernos do PSOE como do PP. Todo iso despois de coñecerse a decisión da Comisión Europea de abrir un expediente a España pola extensión da concesión desta infraestrutura sen lanzar unha licitación pública.

"O Goberno de Aznar en 2003 decidiu privatizar Audasa e pola en mans de empresas privadas e, ademais, conceder unha prórroga da concesión ata 2048", sostivo Gonzalo Caballero, que asegurou que se tratou "dunha 'sablazo' aos galegos". "Se non fose por iso, os galegos estariamos a piques de circular pola AP-9 sen ningún tipo de custo", lamentou.

Así mesmo, "fronte a un PP que privatizou Audasa e lle deu 25 anos máis de concesión", o secretario xeral do PSdeG destacou que os socialistas traballaron para "conseguir unha rebaixa histórica das peaxes" e seguen "comprometidos" para conseguir a mellor xestión. "É unha forma distinta de facer política, a de quen defende os galegos permitindo unha rebaixa histórica das peaxes, daqueles que privatizaron Audasa para que mans privadas fixesen caixa e déronlle 25 anos máis de negocio", sostivo.

Noticias web

24/09/2021