Caballero defende un PSdeG "que non retroceda" e Formoso un partido "con criterio de país"
No PSdeG os candidatos ás primarias continúan esta fin de semana coas reunións coa militancia. Gonzalo Caballero di apostar por un "partido de esquerdas que mira cara ao futuro" e que "non quere retroceder". Pola súa banda, Valentín González Formoso reivindicou un PSdeG que "volva ter criterio", dixo, "sobre asuntos do país". Gonzalo Caballero matiña este mediodía un encontro coa militancia en Monterroso. Alí, o actual secretario xeral do PSdeG volveu insistir en que o seu é un "proxecto de esquerdas, galeguista e feminista". Caballero asegurou que aposta por un "partido forte" que "mira cara ao futuro" para "non retroceder".
"E para progresar e para avanzar, para defender un PSdeG forte que sexa quen de dar unha alternativa de goberno en Galicia, sigo traballando día a día, porque Galicia vale a pena e porque queremos unha Galicia de progreso, cun partido socialista forte, de futuro e coa capacidade de xerar novos tempos no noso país", asegurou Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG
O seu rival nas primarias tamén acudía a unha reunión coa militancia, en Boiro. Valentín González Formoso reivindicou un PSdeG que "volva ter criterio", dixo, "sobre asuntos do país" e con aspiracións máis ambiciosas que superar o BNG, en alusión ás declaracións de Gonzalo Caballero, onte en Vigo.
"A secretaría xeral do partido non ten que ter como aspiración principal superar o BNG, o noso obxectivo é superar o PP. Non só estamos aquí para sinalar problemas senón tamén para achegar solucións e por riba de todo, a cidadanía galega volva ter criterio sobre asuntos do país", dixo González Formoso
Formoso destacou o traballo realizado desde a Deputación da Coruña e desde os concellos e reivindicou un PSdeG que "estea a carón da xente".