CRTVG

Buscar

Caballero defende o seu proxecto "galeguista e socialista" nun encontro coa militancia

Publicado o 23/10/2021 18:04

O candidato para revalidar a Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu este sábado nun encontro coa militancia en Santiago o proxecto "galeguista e socialista" da súa formación, que non se resigna ante a dereita e defende o público fronte aos conservadores.

"Non son pesimista nin fatalista. Non me resigno fronte a ningún goberno da dereita", declarou Caballero, que asegurou que traballa "de forma consistente e leal" para conseguir os mellores resultados e construír unha Galicia mellor.

"O orgullo de ser socialista non se perde nin nas boas, nin nas malas nin nas regulares. Tense como un compromiso de vida para traballar pola igualdade de oportunidades, para manter o compromiso coa xustiza social", sinalou no seu discurso.

En pleno proceso de campaña para as eleccións primarias, que se celebrarán o próximo día 30 para determinar quen será o líder do PSdeG nos próximos catro anos, Caballero reuniuse con militantes do partido para expresar o seu compromiso por Galicia e polo socialismo.

"Encántanme as primarias porque temos no poder do voto, o poder de decidir o futuro do partido que queremos e da Galicia que queremos", asegurou.

Noticias web

23/10/2021