CRTVG

Buscar

Caballero apoiará as medidas da Xunta, pero pide a Feijóo cesar o enfrontamento

Publicado o 02/11/2020 12:30
Caballero apoiará as medidas da Xunta, pero pide a Feijóo cesar o enfrontamento

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou este luns que a súa formación apoiará as medidas restritivas adoptadas pola Xunta contra a segunda onda da pandemia de covid−19, pero pediu ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, poñer fin á súa "estratexia de enfrontamento" co Goberno central.

Nunha conferencia de prensa, Caballero sinalou que a Xunta vai contar "co apoio do PSdeG" nas medidas adoptadas polo Goberno galego, consciente de que "sen saúde non hai economía", e, nese sentido, ofreceu a súa "man tendida" e expresou a súa "vontade de cooperación".

O líder socialista galego lamentou, con todo, a improvisación mostrada polo Goberno galego ao decretar importantes restricións para as principais cidades con só dúas horas de antelación.

"Hai cuestións que parecen inconsistentes", como que o feito de que o pasado xoves Feijóo se negase a blindar e pechar Galicia e ao seguinte o responsable de Sanidade, Julio García  Comesaña, anunciase o peche das cidades.

"Iso si, en boca do conselleiro e non de Núñez Feijóo", observou, e pediu á Xunta unha mellor programación e previsión das medidas fronte ás decisións de "última hora".

Segundo Caballero, Feijóo parece que queira seguir "a estratexia da presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso e ser o máis remiso da clase" á hora de colaborar co Goberno central na loita contra a pandemia de covid−19.

Ademais, insistiu en que o presidente galego debe comparecer regularmente ante o Parlamento para dar conta da situación que atravesa a comunidade autónoma nesta segunda onda de contaxios, xa que coa situación de estado de alarma actual Feijóo é a "autoridade competente".

Respecto ás novas medidas que pode adoptar o comité clínico que asesora a Xunta na súa reunión deste martes, Caballero pediu que os novos mandatos se trasladen de maneira rigorosa e non "de forma repentina e urxente", como sucedeu a pasada semana.