CRTVG

Buscar

Cabaciña de case 50 quilos en Vilalonga

Publicado o 31/08/2021 12:34

Vai chegando a época de rematar a colleita e hai quen ten sorte e pode contar na súa horta con espécimes de gran tamaño como é o seguinte caso. Un veciño de Vilalonga, en Sanxenxo, que ten unha extraordinaria cabaciña de preto de cincuenta de quilos. Ver para crer!

1,40 de alto, 80 de perímetro e 44 quilos de peso. Poderiamos estar a falar dun boxeador ou doutro atleta de elite, pero non. É unha cabaciña do lugar da Touticeira. Este ano aquí ver hortalizas que superan o metro e os dez quilos é algo xa habitual. De feito, ás cabaciñas tiveron que meterlles o sacho para que non se estendesen por todo o eirado.

"O primeiro que collín, que xa me parecía grande, peseino e pesaba dez quilos. Mimá! Pero isto de día a día vense medrar, unha persoa que estea medio día aí mirando vese medrar. O grande non sabiamos que había iso, como non queríamos entrar, nin pisar polo medio. E cando entramos, mimá! Hai que pesalo porque isto para movelo entre dous... e trouxo un cuñado meu un peso e pesou 44 quilos", comenta Manuel Torres.

Manuel ensina orgulloso, xunto ao seu neto Serxio, esta peza especial, no só polo seu alto contido en auga, da que ten un 93 %, nin polos seus minerais, especialmente abondosos como o potasio, ou a vitamina C ou o beta caroteno, senón porque ademais é o primeiro ano que as cultivan: "Ao terreo botáselle algo de esterco e despois como se poñen as patacas e os legumes todos, non levan nin mineral nin nada".

Os froitos das cabaciñas varían moito en tamaño, dependendo da variedade. As máis grandes chegan a pesar entre 18 e 36 quilos. Como se pode ver, esta de Vilalonga é de marca maior.

Noticias web

31/08/2021