CRTVG

Buscar

Cs e PP acusan o Goberno de querer manexar a xustiza para contentar o independentismo

Publicado o 15/01/2020 20:57

Pablo Iglesias valora a idoneidade de Dolores Delgado para ocupar o cargo de fiscala xeral. Considera que a ex-ministra pediu perdón pola polemica gravación co ex-comisario Villarejo e que merece unha oportunidade para demostrar que o Ministerio Público actúa con principios de autonomía. Ademais fai súa a decisión de Sánchez de nomeala.

"É unha decisión colexiada do Goberno de España que nós asumimos", dixo o vicepresidente segundo do Goberno.

Pero para PP, Vox e Ciudadanos é unha manobra de Sánchez para intentar controlar o Poder Xudicial desde o executivo.

"Un suposto moi claro de politización ou de intento de politización da xustiza", dixo Edmundo Bal, de Ciudadanos.

"O señor Sánchez claramente a coloca aí co obxectivo de controlar, someter o Poder Xucidial aos seus pactos de Goberno, aos seus pactos e alianzas coas forzas separatistas", asegurou a popular Álvarez de Toledo.

Esquerra Republicana fai a lectura contraria, agarda que Delgado acabe co que consideran orientación política da xustiza. No PSOE falan dun nomeamento impecable e critican que a dereita poña en cuestión a separación de poderes.

"Degradación institucional, en fin... vulneración da separación de poderes... E vaino dicir un grupo que falou de controlar o Supremo pola porta de atrás", ironizou Rafael Simancas, do PSOE.

Algúns fiscais consideran que por lei Dolores Delgado como fiscala xeral do Estado estaría obrigada a absterse dos asuntos, como o procés, en que participou, directa ou indirectamente, mentres ocupou un cargo público.
 

Noticias web

15/01/2020