CRTVG

Buscar

Buscan unha muller que, supostamente, intentou matar a súa filla na praia de Doniños

Publicado o 08/03/2018 14:00

Efectivos da Policía Nacional e Local, Protección Civil, bombeiros e Casaga, a asociación de cans de salvamento, rastrexan desde primeira hora o piñeiral e mailas rochas da praia de Doniños á procura dunha muller que, presuntamente, intentou esganar a súa filla de dez anos onte á tarde.

Segundo fontes consultadas pola Televisión de Galicia, a pequena, tras a suposta agresión, fuxiu para pedir axuda e atopouse con dúas persoas que estaban nesta zona. Atopárona con rabuñadas nas mans e restos de area na cara, supostamente, ao ser arrastrada pola súa proxenitora polo piñeiral. De inmediato, alertaron a Policía Nacional e tamén unha ambulancia que trasladou a cativa ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, onde despois de lle realizar un exame médico, xa recibiu a alta. 

Os pais da nena estaban separados e tras o acontecido, o pai biolóxico, co que pasaba as fins de semana, fíxose cargo dela e atópase en bo estado.

Por outra banda, familiares da actual parella da desaparecida contan que nai e filla se levaban ben. Si precisaron que nos últimos días vían a muller deprimida e que, este estado anímico, puido provocar que ambas as dúas discutiran.

Polo momento a busca para dar co paradoiro da muller non deu ningún resultado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/03/2018