CRTVG

Buscar

Buscan un veciño de Taboada de 86 anos desaparecido desde o luns pola tarde

Publicado o 14/11/2017 13:47

Veciños, axentes e membros de Protección Civil buscan un home de Taboada que desapareceu do seu domicilio onte pola tarde. O ancián padece de alzhéimer pero está en boa condición física e, segundo a súa familia, é quen de percorrer a pé longas distancias. No dispositivo de busca tamén participa un helicóptero e cans de rastrexo.

Alfredo Rodríguez Vázquez, de 86 anos de idade e veciño de San Mamede da Torre, en Taboada, falta do seu domicilio dende onte á primeira hora da tarde. O home saíu da casa sen dar aviso á súa familia e, aínda que algúns veciños o viron marchar, ninguén pensou que puidera desaparecer xa que adoita saír pasear todos os días. Os seus familiares saíron buscalo pola contorna pero, ao non dar con el, deron aviso á Garda Civil. Durante toda a noite estiveron tentando dar co seu paradoiro nuns labores de busca nos que tamén participaron veciños e membros de Protección Civil de Taboada e Monterroso. O ancián padece de alzhéimer e, segundo os veciños, despistábase con certa frecuencia.

Nos traballos para tratar de localizar a Alfredo participan tamén un helicóptero da Garda Civil e cans de rastrexo traídos da central de Protección Civil. Polo de agora non se atopou ningunha pista nin rastro do ancián e, a medida que pasan as horas, diminúen as esperanzas de atopalo con vida. Na pasada noite caeu unha forte xeada nesta parte de Taboada, polo que é pouco probable que o home aguantase toda a noite ao aire libre. No momento da súa desaparición levaba posto un chaquetón verde e un pantalón marrón escuro. A busca centrouse tamén no lugar de nacemento do octoxenario, a poucos quilómetros da súa actual residencia.

A familia lembra que, malia padecer alzhéimer, Alfredo está en boa forma física e é quen de percorrer grandes distancias camiñando.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2017