CRTVG

Buscar

Buscan un loteiro de Lugo que desapareceu con máis de 91.000 euros da recadación

Publicado o 15/01/2019 19:56
Buscan un loteiro de Lugo que desapareceu con máis de 91.000 euros da recadación

O responsable dun despacho de loterías, o número 17 da capital lucense, situado nun centro comercial, desapareceu o venres pasado, supostamente, con parte da recadación dos sorteos de Nadal e do Neno, unha cantidade superior aos 91.000 euros.

Foron as dúas empregadas deste negocio as que comunicaron a situación á Policía Nacional, tendo en conta de que non tiñan noticias do seu superior nin tampouco diñeiro en efectivo para afrontar o pago dos premios.

Fontes da Delegación de Loterías e Apostas do Estado en Lugo confirmaron á prensa que non hai noticias acerca de onde pode estar este home e, polo momento, non transcendeu se a súa familia presentou denuncia pola desaparición.

Así, a Delegación de Loterías e Apostas do Estado en Lugo tomou a decisión de pechar "preventivamente" esta sucursal, que xa acumula unha débeda superior aos 124.000 euros, dado que á cantidade inicial hai que sumarlle outra de 33.000 euros que debería aboar o propietario esta semana. Ademais, esta tarde está prevista a chegada de persoal de inspección de Loterías e Apostas, da central -situada en Madrid- para auditar a situación real da administración.

A Policía Nacional di que non ten noticias sobre o paradoiro deste loteiro, un veciño do municipio de Pantón de 53 anos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/01/2019