Buscan probas do tiroteo de Miguel Martínez a un brigadista no ano 2008
Arredor das doce do mediodía chegaba a Amendo, no concello de Taboadela, Miguel Martínez Campos, esposado para proceder ao rexistro dun pendello da súa propiedade.
A construción está pegada á casa en que vivían os seus país antes de que fosen asasinados a tiros no 2009. A Policía Xudicial busca aquí indicios que poidan probar a autoría do detido no tiroteo a un brigadista no 2008.
O que era daquela compañeiro seu de traballo regresaba á súa casa en Xunqueira de Ambía cando se atopou cunha emboscada, saíu do coche para retirar unhas pólas da estrada e recibiu, dunha persoa que estaba agochada tras uns sacos, catro disparos que o deixaron gravemente ferido.
Doce anos despois, avances tecnolóxicos na investigación e novas pescudas permitiron deter onte en Ourense a Miguel Martínez por este intento de homicidio. El nega a súa implicación nos feitos.
Xa fora condenado a catro anos de cárcere por apuntar cunha arma e amordazar un amigo en Xinzo.
A Garda Civil anda hoxe nos terreos lindeiros á casa familiar a procura da arma cun detector de metais e cos pasos dados neste caso tratan de resolver tamén o crime do matrimonio de Tabodela. O seu fillo Miguel foi detido en dúas ocasións como sospeitoso deste dobre asasinato, pero quedou en liberdade ante a falta de probas.