CRTVG

Buscar

Buscan polos montes do Morrazo un dos narcotraficantes que puido fuxir

Publicado o 24/11/2019 21:18

Hai dous detidos nesta operación. Pero os axentes buscan outro implicado, que puido fuxir. Por iso son constantes os controis no Morrazo. Os controis e os rexistros poden contarse case por centos. Os coches que circulan por esta zona son revisados e hai un operativo de busca e captura que, polo momento non deu os seus froitos. As forzas de seguridade tratan de localizar ao compañeiro dos dous ecuatorianos detidos.

Fontes policiais non descartan que se trate dun membro galego da rede. Os axentes rexistran coches e manteñen activa a busca deste fuxido. Avanzan tamén as investigacións para intentar dar co clan que podía ser receptor destas tres toneladas de cocaína, que transportaba o somerxible.

Case se pon o sol na Ría de Aldán. O operativo na auga é seguido desde a zona da praia de Foxo por moitos veciños da Península de Aldán e de todo o Morrazo. Buscan a boia que marca onde está o narco submarino, o protagonista na zona deste domingo, na zona do Pedregal. Agadan a que baixe a marea por se o puideran ver na superficie. Moitos desos veciños cóntannos, non á cámara por o medo aos narcotraficantes, que despertaron de madrugada co son dun helicópero, ás tres e media.

Agora saben que unha persoa escapou primeiro a nado e despois por este monte que conduce a Punta Couso. Tamén fóra da cámara aseguran que só un autóctono é capaz de manterse escondido ou de escapar através desa arboreda que acaba no mar. Á mañá cedo descubren que o Morrazo está blindado pola policía e Garda Civil.

O operativo policial segue blindando esta parte do Morrazo. Os coches, aínda cando entran as súas vivendas, están sendo rexistrados, e as persoas identificadas sen excepción. A  busca do terceiro home, o fuxido, segue operativa e o Morrazo continúa blindado.


 

Noticias web

24/11/2019