CRTVG

Buscar

O cadáver do pozo do Porriño é dun home de 35 anos

Publicado o 22/02/2021 18:12

• Investígase coma unha posible morte violenta

O cadáver atopado este domingo no pozo dunha antiga nave industrial de Cerquido, no concello do Porriño, corresponde a un home duns 35 anos. Segundo fontes da Garda Civil, o corpo está saponizado o que podería indicar que leva somerxido moito tempo.

Dende o primeiro momento barállase a hipótese dunha morte violenta porque a tapa do pozo estaba pechada. No lugar dos feitos non apareceu documentación alguna polo que unha das prioridades nestes moemntos é a súa identificación.

Dende que a luz do día o permitiu, os investigadores da Policía Xudicial fixeron unha inspección ocular non só do pozo onde apareceu o cadáver, senón tamén na nave industrial que hai na mesma propiedade e nas inmediacións da zona.

Buscan calquera pista que poida dar luz sobre as causas da morte da persoa cuxo corpo apareceu en avanzado estado de descomposición e que, segundo algunhas testemuñas, parecía un home que estaba en roupa interior. Foron os actuais propietarios desta nave industrial, que levaba anos en desuso, os que atoparon o cadáver.

O pozo ten oito metros de profundidade e contiña gran cantidade de auga, polo que as tarefas de baleirado non foron doadas para os bombeiros. Membros do grupo de actividades Subacuáticas da Garda Civil traballan no seu interior tras inspeccionalo coa axuda de cámaras.

Á espera do resultado da autopsia e dos datos que poidan extraerse deste rexistro, a Garda Civil non descarta ningunha hipótese. Ademais os investigadores están a cotexar se hai rexistros de desaparicións na zona por se puideran ter algunha conexión co cadáver atopado no Cerquido, nun lugar moi próximo ao polígono industrial do Porriño e case no límite co concello de Tui.  

Noticias web

22/02/2021