CRTVG

Buscar

Buscan o tripulante desaparecido dun pesqueiro despois de envorcar por un golpe de mar ao norte de Ons

Publicado o 11/02/2020 19:40

Medios despregados buscan por mar e aire o tripulante desaparecido dun pesqueiro que envorcou este martes, supostamente por un golpe de mar ao norte das illas Ons.  

Así o informaron fontes de Salvamento Marítimo, que concretou que ás 13,00 horas deste martes recibiu o aviso de que a embarcación Rosa, con tres tripulantes, envorcara por un golpe de mar ao norte de Ons. Trátase dun pesquero con matrícula de Cambados. 

Dous dos tripulantes, concretaron as mesmas fontes, chegaron a nado polos seus propios medios a terra a Ons, desde onde un, o patrón da embarcación, alertou a Salvamento Marítimo.  


O Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra coordina a urxencia e foron despregados as embarcacións Salvamar Sargadelos e Paio Gómez Chariño da Administración autonómica, aos que se sumaron pesqueros da zona. 

Na tarde deste martes, ademais, o helicóptero Pesca 1 volveuse a incorporar aos labores de procura do desaparecido, xa que o Helimer 402, co que fai quendas no rastrexo, retirouse. Ademais, participan dúas patrulleiras Corvo Mariño, da Garda Civil, que tamén foi a que levou a Portonovo os dous superviventes, e Punta Falcoeira. 

A Armada comunicou esta tarde que o remolcador de altura Mahón, con base no Arsenal Militar de Ferrol, incorporouse tamén ao dispositivo de busca. 

Os dous tripulantes superviventes foron trasladados ao centro de saúde de Portonovo, no municipio de Sanxenxo (Pontevedra), para recibir asistencia.

O pesqueiro foi remolcado ata Portonovo. No lugar do afundimento atoparon roupa, que pertencía aos dous superviventes. 

Este martes está activado o aviso laranxa por ondas de máis de sete metros de altura no litoral galego.