CRTVG

Buscar

Buscan unha veciña de Ferrol duns 60 anos que falta de casa desde o domingo

Publicado o 11/03/2019 21:52

Buscan na costa de Doniños unha veciña de Ferrol desaparecida. A muller, duns 60 anos, falta do seu domicilio desde onte. O dispositivo despregado centra as tarefas de busca na zona de Punta Penencia, en Doniños, onde esta mañá foron atopadas varias pertenzas da desaparecida.

Por terra, os cans de salvamento de Galicia rastrexan en busca de calquera pista que poida conducir á muller de 60 anos da que se descoñece o seu paradoiro desde o domingo. Os bombeiros axúdanse de drons para intensificar a busca entre os cantís. Foi a familia quen denunciou a desaparición na Policía Nacional tras atopar na mañá deste luns varias das súas pertenzas nas proximidades de Punta Penencia, a carón da praia de Doniños.

Na busca participan efectivos de Protección Civil, Policía Local e bombeiros de Ferrol, coordinados por Policía Nacional e Salvamento Marítimo que incorporou ao dispositivo o helicóptero Helimer.

Polo de agora non transcenderon as circunstancias sobre as posibles causas da desaparición desta veciña de Ferrol. A Policía Nacional investiga este caso.

 

Noticias web

11/03/2019