Buscan máis implicados na malleira que acabou coa vida de Samuel
• Ingresan nun centro os dous menores implicados no crime de Samuel
• Os catro primeiros sospeitosos, investigados por homicidio ou asasinato, negaron a súa participación na malleira
• As gravacións da rúa recollen o linchamento que sufriu Samuel
Foi un venres de actividade especialmente intensa nos xulgados. Despois de tomarlles testemuño, a xuíza de garda decretou o ingreso nun centro de internamento para os dous menores que presuntamente participaron no crime.
Horas antes, os outros catro arrestados, tres mozos e unha moza coruñeses de entre 20 e 25 anos, tamén declararon en dependencias xudiciais. Confirmaron que non coñecían a Samuel e tamén o detonante da agresión: unha videochamada que confundiron cunha gravación. Ningún recoñeceu ante a maxistrada que mallasen no mozo.
Eles tres pasaron a súa primeira noite en prisión. Ela quedou en liberdade coa obriga de comparecer no xulgado. Ao longo do proceso de instrución concretarase a tipoloxía do delito polo que están sendo investigados, homicidio ou asasinato. O caso permanece baixo segredo de sumario. Poderían producirse novas detencións.
Mentres as pescudas seguen adiante, unha semana despois da morte de Samuel, as flores amoréanse no lugar onde o mataron. Entre os ramos, asoman mensaxes que resumen o sentir de toda a cidade.
Esta fin de semana hai convocadas mobilizacións en varias cidades españolas. A da Coruña sairá o domingo ás sete e media da tarde desde a praza da Palloza. Será unha marcha contra a violencia e para pedir xustiza para Samuel.