CRTVG

Buscar

Buscan o condutor dun patinete eléctrico que fuxiu tras atropelar unha muller na Coruña

Publicado o 22/07/2019 14:30

O atropelo produciuse á altura do portal número tres da rúa coruñesa Naturista Víctor García Seoane, cando a muller, de 62 anos, saía do portal da súa casa para ir facer unha compra a unha tenda próxima.

Segundo afirmou a súa asistenta, o condutor do patín eléctrico ía pola beirarrúa a moita velocidade. Engadiu que, tras o atropelo, o condutor do vehículo permaneceu uns minutos no lugar e que mesmo foi el quen chamou a ambulancia, pero logo fuxiu.

"O señor chamou a ambulancia, chamou a Cruz Vermella e nós, a verdade, que cometemos o erro, asustámonos con ela, e non chamamos a policía, iso foi o noso erro".

Os veciños e os comerciantes da rúa aseguran que os patíns eléctricos circulan pola rúa a moita velocidade e din que calquera día pode producirse un incidente similar.

"Pasan moitas veces, porque resulta que ao día seguinte pasou outro e houbo de coller o meu marido aí. Se dá un paso máis, cólleo, outro, non era ese. Ademais, como collen a curva segundo baixan por aí, pola rolda de Nelle, pasan lanzados. Ás veces temos medo polos nenos porque temos un parque, e ás veces polos nenos temos medo".

Respecto ao atropelo do venres pasado, os veciños afirman que o condutor do patín lles dixo que era policía. Circunstancia que negou o xefe da Unidade de Tráfico da Policía local, quen dixo que agardan dar con el nas próximas horas.

"A ver se o localizamos, confiamos en que si. Temos algunha información que a ver se a podemos clarificar nas próximas horas e de entrada vai ser dununciado e ao mesmo tempo vanse tramitar dilixencias no xulgado por unhas lesións, por unha posible imprudencia. Tamén estamos pendentes da señora, falamos con ela a semana pasada, volveremos falar no día de hoxe, estamos pendentes das súas lesións".

A vítima tivo que ser hospitalizada, pero xa se recupera na casa das lesións que tivo na cabeza, nas costas e nos brazos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/07/2019