Buscan a solidariedade veciñal para amañar unha casa para un sen teito
Avelino Ferreira ten 61 anos. Sen traballo, ata hai pouco pedía na rúa en Pontedeume e durmía nalgún portal. Desde hai dúas semanas vive nunha casa en Franza, no concello de Mugardos, cun matrimonio que colabora coa asociación creada por María José. O aloxamento é temporal, ata que reparen outra casa.
Avelino Ferreira: "Terei que traballar un pouco. A vida que levaba ata o momento non era boa, con frío e un pouco de todo".
Esta casa onde tanto queda por traballar está en venda pero o seu propietario cedeuna mentres. Xa limparon o terreo que levaba anos cheo de toxos.
María José Lladó Sánchez: "Agora mesmo Avelino necesita 500 metros de cable. A ver se algunha empresa nos axuda, para poñer o cable da luz ata a casa. Tamén necesitamos apoio económico para que el poida ir renovar o DNI a Tui".
María José creou esta asociación hai seis meses. Traballa no campo da psicoloxía, en Pontedeume, e di que se decatou de que había moitas persoas necesitadas de axuda.
María José Lladó Sánchez: "Aquí hai un teléfono móbil que simplemente se manda un WhatsApp. Coa factura que temos, do pladur ou do tractor que xa pagamos, que valeu 50 euros, se alguén pode poñer algunha cantidade, nós poñémolo en contacto coa persoa que estamos apoiando".
Asegura que xa contan con 77 socios e voluntarios.