CRTVG

Buscar

Seguen buscando a filla da muller que apareceu morta na Coruña cando a ían desafiuzar

Publicado o 26/03/2019 14:20

A Policía Nacional da Coruña continúa coa busca dunha muller duns 40 anos que puido acabar coa vida da súa nai. Aconteceu unhas horas antes de que as dúas fosen desafiuzadas do piso en que vivían na zona de San Roque, tras levar varios meses sen pagar. Na vivenda, os axentes atoparon unha nota en que a muller facía referencia á difícil situación económica que atravesaban. Segundo os veciños, nai e filla tiñan, ademais, problemas de saúde.

Todo sucedía detrás desta porta dun inmoble da zona de San Roque. Nai e filla trasladáranse ata este piso hai arredor de tres anos e desde entón levaban unha vida apartada do resto dos veciños, cos que apenas tiñan relación.

Veciño: "Eran persoas peculiares, víanse con poucos recursos económicos. Non eran moi aseadas e gritaban polas ventás. Pero entre elas non tiñan mala relación".

Nada facía sospeitar dun tráxico final. Os veciños sorprendéronse cando viron entrar a Policía e souberon que a muller, de 71 anos, estaba morta. Os axentes traballan coa hipótese de que non foi unha morte natural, xa que o corpo presentaba sinais de asfixia. Agora buscan a filla. No domicilio apareceu unha nota que fai relación á dificil situación que atravesaban.

Veciño: "Levaban varios meses sen pagar. O caseiro dixo que tiñan a casa moi suxa e o desafiuzamento era onte".

Veciño: "Miña nai non a viu, pero escoitouna respirar".

Non é o primeiro suceso que acontece neste piso. Hai 15 anos, a policía tivo que forzar esta mesma porta ante as alarmas dos veciños.

Veciño: "Era unha rapaza que tiña a nai mal".

A Unidade de Familia e Atención á Muller mantén abertas varias liñas de investigación para aclarar este suceso.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2019