CRTVG

Buscar

Buscan a embarcación que golpeu mortalmente un mergullador en Sanxenxo e que fuxiu

Publicado o 03/07/2019 13:39

A investigación xa está en curso para dar coa embarcación que golpeou o mergullador de 36 anos e que fuxiu. O rapaz, que faleceu tras o impacto, practicaba pesca submarina na zona de Punta Cabicastro en Portonovo, acompañado dun amigo. Estaban sinalizados cunha boia regulamentaria.

"O compañeiro foi o que o trouxo ás rochas. Estaban facendo pesca submarina. Informan de que lle pasou unha embarcación por enriba e coa hélice lle causou as feridas", apunta José Antonio Folgada, Xefe do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo.

Diego Calviño era o seu compañeiro. Este martes quixo dedicarlle unhas palabras nas redes sociais, para dar conta dunha traxedia que non se lle borrará da cabeza. Intentou reanimalo, a pesar de que sabía cal sería o final desta historia. No relato di que espera que aparezan os causantes desta morte e que paguen polo sucedido.

Pero por riba de todo, o que busca con este texto é concienciar as persoas que manexan calquera tipo de barco, que onde hai unha boia de sinalización, hai unha vida. Neste caso era a de Miguel Ángel, pero podía ser a do noso irmán, pai ou amigo.

O mergullador entrou en parada cardiorrespiratoria en canto foi alcanzado pola embarcación. Os equipos sanitarios chegaron rapidamente para tentar reanimalo, pero xa nada puideron facer. As informacións apuntan a que na lancha de recreo ían dúas persoas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/07/2019