Buscan a Arturo Montes, un veciño de 88 anos que falta da súa casa no concello de Coles
"O señor é máis ou menos da miña estatura, leva lentes, é un pouco forte, non moito. Desapareceu ás catro da tarde, pero ata as dez e media a muller estivo esperando a ver se volvía á casa e como non volveu, andaron agora buscando, agora á mañá e toda a noite. E nada, non sabemos nada del", explica Elena González Nogueira, veciña do home desaparecido.
Búscano polas estradas que rodean a aldea da Pereira, no concello ourensán de Coles, porque saíra co seu coche. Ao dispositivo uniuse tamén un helicóptero da Garda Civil para tratar de dar co seu paradoiro.
"Andamos buscando xa desde a primeira hora da mañá, adnamos dous compañeiros pola parte de abaixo, cerca da súa casa", di Antonio Boimorto Pérez, membro de Protección Civil de Coles
"Andan todos os veciños en busca del e das aldeas lindeiras, a Garda Civil e Protección Civil, todos andan en busca del", asegura a súa veciña.
Arturo Montes Álvarez, de 88 anos, saíra das súa casa no seu Renault Clío branco para facer uns recados, eran as catro da tarde e non volveu. Foi a súa muller a que deu o aviso de que faltaba da casa.
"Non se sabe, parece ser que el dixo que ía ao Bricoking na estrada de Santiago, e que ía buscar unhas estacas para uns tomates, pero é o que sabemos, non sabemos polo momento máis nada", afirma un membro de Protección Civil de Coles.
Por agora a busca aínda non deu resultado e non se sabe nada de que lle puido ocorrer a Arturo.