Buscamos os motivos detrás do ataque dun can
O suceso do mastín do Bolo pode invitar a preguntar se lles deberiamos ter medo aos cans.
Facémolo e responde, rotundo, Jorge Vázquez, educador canino: "A idea é entendelos e coñecelos. Pero medo nunca, nunca. E dá igual a raza."
O mastín non está incluído na lista da Xunta de cans de raza perigosa. "Poden ter runha potencia de mordida máis alta ou máis baixa, que é o que se cataloga, pero cans perigosos en si non hai ningún", continúa Vázquez. E a veterinaria Carme Seoane vai na mesma liña: "Serían perigosos se non teñen unha boa educación, se non se lles ensina cal é o seu lugar."
A educación. Algo que hai que ter en conta dende cachorros sexa cal sexa o tamaño do can. "Nós aquí temos uns bozos e usámolos moi, moi de vez en cando. E, cando os usamos, a maior parte das veces é con cans pequenos que non foron ben educados", sinala Seoane.
E, se o carácter do can é dado, os sinais de dominancia poden ir crecendo ata derivar en sinais de agresividade. "Non podemos tolerar absolutamente ningún tipo de sinal de agresividade", advirte a veterinaria.
E, no caso de que o can lance eses sinais, o primeiro é poñerse nas mans de profesionais. "O principal sería un etólogo veterinario que descartara calquera causa física ou mental", recomenda Vázquez. O etólogo marcará unhas pautas para que os adestradores caninos traballen.
E o traballo comeza por falar moito coa familia dun can que trabara alguén. "Moitas preguntas e mirar moito dende atrás, porque un ataque non pasa porque si", explica o educador. E aclara a veterinaria: "Ese animal seguro que tivo algún sinal de agresividade, de dominancia, de mala interpretación do seu lugar xerárquico na familia, e a xente non soubo interpretalo."
Educación nos cans, responsabilidade nos donos.