CRTVG

Buscar

Conclúe sen éxito o segundo día de busca da muller desaparecida na costa de Ferrol

Publicado o 12/03/2019 17:57

Na costa de Ferrol, concretamente na zona de Doniños, retomouse a busca da muller de 57 anos desaparecida este domingo. O dispositivo ampliou a súa busca por terra, mar e aire. Céntrase na zona da praia de Doniños, xa que se atoparon algunhas pertenzas da muller. 

As tarefas estendéronse ata a contorna de cabo Prioriño desde o mediodía deste martes. No inicio dos labores, na mañá do luns, o rastrexo limitouse á zona da parroquia de Doniños. Foi nese punto, concretamente nas inmediacións dun local hostaleiro no enclave de Lume Boo, en Punta Penencia, onde un familiar atopou unha penda da desaparecida, veciña do barrio ferrolán de Caranza.

O despregamento retomouse con apoio de Salvamento Marítimo e en coincidencia coa marea de primeira hora da tarde. Medios por terra e aire manteñen o dispositivo, que concluíu na súa primeira xornada arredor da noitiña sen novidades.

Este suceso mobilizou a efectivos de Policía Nacional, Protección Civil e bombeiros de Ferrol, que acudiron con drons recentemente incorporados ao parque local para rastrexos similares. Así mesmo, o helicóptero Helimer 401 apoia as tarefas realizadas desde terra. A asociación galega de cans de salvamento Casaga sumouse a varios grupos con cans desde o comezo do operativo.

Noticias web

12/03/2019