CRTVG

Buscar

Bugallo: "Son o alcalde de todos os composteláns e non vou permitir que se utilice o concello como elemento de confrontación política"

Publicado o 17/06/2019 11:06

No Bos días, entrevista a Xosé Sánchez Bugallo, novo alcalde de Santiago de Compostela, para falar do seu proxecto pra a capital de Galicia.

"Temos unha década que se se aproveita ben poder ser unha década prodixiosa. Temos aí os anos santos do 21, do 27 e do 32; son tres oportunidades extraordinarias que a cidade ten que aproveitar. Non creo que a cidade se deba que dedicar exclusivamente aos anos santos pero son un elemento que nos converte nunha referencia nacional e internacional e que nos ofrece moitísimas posibilidades. Polo tanto, iniciamos unha etapa bonita, chea de oportunidades, unhas que se nos presentan e outras que temos que crear".

É alcalde de Santiago por quinta vez: "É diferente porque antes era como unha continuidade institucional, pero agora produciuse unha interrupción de 5 anos e teño unha sensación de cidadán, que ata hai seis meses estaba compartindo as queixas cos outros veciños e agora teño a sensación de que entra no concello o cidadán Bugallo".

Estaba emocionado como nunca. Non pensei que volvera ser alcalde de Santiago. Non é normal que oito anos despois a xente te siga recordando, te siga botando de menos e te siga votando nas eleccións.

Entre os invitados Touriño e Pepe Blanco: "Son amigos, compañeiros que compartimos moito tempo xuntos". "É unha reivindicación desa xeración, que foi unha xeración que prestou un gran servizo a España e a Galicia". "Eu creo que a partir da morte de Rubalcaba se produciu un cambio no PSOE e houbo un recoñecemento e un encontro con esa xeración".

"Vou anunciar o repartimento de competencias e non vou dar sorpresas porque configurei a miña candidatura pensando niso. Desde o minuto 1 dixemos que Mercedes viña para as políticas de rehabilitación para a cidade histórica, para urbanismo e para cultura; o número 3, Sindo Guinarte, vai ser o voceiro do Goberno, que leve a política institucional, que se ocupe do Xacobeo e de Turismo tamén; a número catro, Mila Castro, vaise facer cargo das políticas sociais; o número 5 vaise facer cargo de seguridade cidadá, transporte e política de mobilidade; a número 6 vaise facer cargo de réxime interior, reforma administrativa, facenda e persoal; é dicir: sen grandes sorpresas. A candidatura foi configurada pensando no futuro goberno de Santiago.

"Levo 40 anos militando no Partido Socialista, pero eu quero ser o alcalde de todos os composteláns. Na próxima campaña participarei nos actos que sexa obrigatorio pero nunca, nunca, vou utilizar, non vou permitir que se utilice o Concello como instrumento de confrontación política. Quero as mellores relacións coa Xunta de Galicia e co Goberno de España, quero as mellores relacións coa Igrexa, porque os necesitamos a todos para afrontar os retos do 21 e para que as cousas vaian ben para Santiago".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019