CRTVG

Buscar

Bruxelas segue de preto a reforma do CXPX e o Goberno remite o seu plan presupostario

Publicado o 15/10/2020 15:39

España está pendente dos fondos europeos para afrontar a pandemia. Hoxe e mañá reúnense os líderes comunitarios e a Comisión Europea acaba de lanzar o seu primeiro aviso público ao Goberno español.

Todos os países están pendentes do desbloqueo dos fondos para a recuperación. Pero en Bruxelas miran con lupa o bo funcionamento do Estado de dereito de cada país, e acaban de lanzarlle un aviso a España.

Pídenlle que antes de cambiar a forma de escoller os xuíces do Consello Xeral do Poder Xudicial o consulte en Europa.

Bruxelas quere acabar coa politización do órgano de goberno dos xuíces. Por este motivo, Polonia ameaza con bloquear as axudas.

Din que a condición de respectar o estado de dereito vai contra a súa soberanía e que é discriminatoria. E aí falan de España.

Neste chío, o Goberno polaco di que, se os sancionan a eles, que fará con España tras a proposta de reducir ese consenso a unha maioría absoluta.

Na Comisión Europea explican que están ao tanto da proposta do PSOE e Unidas Podemos e que observarán con atención o seu progreso. Advirten que non debe comprometerse a independencia xudicial.

Dende a oposición, PP e Ciudadanos ven nesa advertencia un risco para os fondos europeos.

No Goberno cren que os fondos non están en xogo e acusan o PP de inventar un debate e desprestixiar a imaxe de España.

Tamén se pronunciou a fiscala xeral. Pide consenso á hora de abordar a reforma e escoitar os operadores xurídicos.

O fondo europeo está dotado con 750.000 millóns e deles 140.000 virían para España.

Por outra banda, hoxe tamén chega a Bruxelas o plan presupostario do Goberno español.

Xa sabemos que inclúe unha suba das pensións do 0,9% para o ano que vén. Sería idéntica á deste ano e iría en liña coas previsións estimadas do IPC. 

Con todo, o incremento aínda ten que negociarse cos partidos políticos e cos axentes sociais. 

No texto enviado a Bruxelas aínda non se detallan as medidas tributarias que están negociando o PSOE e Podemos.

Anunciaranse nos próximos días, para que o Goberno aprobe o proxecto de presupostos en outubro e intentar que entren en vigor a principios de 2021.

Noticias web

15/10/2020