Bruxelas retoma a revisión das normas fiscais, centrada en reducir a débeda
Bruxelas lanza o polémico debate para reformar as normas fiscais da Unión Europea. Cando pase a pandemia da covid e a recuperación económica estea consolidada, a Comisión Europea pretende suavizar as esixencias aos países para reducir a súa débeda.
Recortes graduais e realistas. Así quere a Comisión Europea que sexa o Pacto de Estabilidade da UE cando pase a pandemia, para acadar un crecemento sostido e sostible. Bruxelas non desexa repetir os erros cometidos na pasada crise económica, cando os recortes de miles de millóns de euros esixidos a España, Portugal ou Italia aumentaron as súas recesións e frearon a recuperación.
Son necesarios algúns cambios nas normas fiscais europeas, recoñece o Comisario de Economía, Paolo Gentiloni. Haberá menos esixencias na redución de débeda e máis flexibilidade segundo os ciclos económicos.
O debate está lanzado, pero non se concretará até o 2022. O que queda por diante son meses de loita entre os gobernos máis austeros, como os dos Países Baixos ou Austria, e os do Sur, que empurrarán en prol deste cambio nas normas do déficit e da débeda.