CRTVG

Buscar

Bruxelas quere mobilizar 300.000 millóns para a recapitalización de empresas

Publicado o 29/05/2020 20:49

A Comisión Europea (CE) propuxo utilizar 31.000 millóns de euros do fondo de recuperación da Unión Europea para mobilizar 300.000 millóns en investimento privado para axudar a recapitalizar empresas que, de non verse golpeadas pola pandemia do coronavirus, serían solventes.

A vicepresidenta da Comisión e responsable de Competencia, Margrethe Vestager, presentou este venres os detalles do "Instrumento de Apoio á Solvencia" que expoñen para axudar a cubrir as necesidades de capital que terán as compañías europeas, que ascenderá a 720.000 millóns de euros anuais no escenario central que manexa Bruxelas, pero podería elevarse ata os 1,2 billóns de euros se hai un rebrote do virus.

"Os masivos programas de liquidez non serán suficientes porque as perdas son tan grandes que moitas reservas de capital desaparecerían pronto", dixo Vestager en conferencia de prensa. Se non se cobren estas necesidades, "moitas empresas que doutro xeito serían viables enfrontaranse á quebra e poñeranse millóns de empregos en risco", engadiu.

Este apoio comunitario dirixiríase aos países e sectores máis afectados pola pandemia e aos que teñan "menos posibilidades de dar apoio en forma de capital ás súas empresas", co fin de corrixir a desigualdade de condicións que xera o que uns Estados teñan moito máis marxe orzamentaria que outros para reflotar compañías.

Noticias web

29/05/2020