Bruxelas quere facilitar a entrada na UE de viaxeiros vacinados en xuño
EFE
A Comisión Europea (CE) propuxo este luns que os estados membros alivien as restricións sanitarias para os viaxeiros non esenciais que entren na Unión Europea, ante o "progreso das campañas de vacinación" e habilitar un "freo de emerxencia" para novas variantes do coronavirus.
O Executivo comunitario, que quere que a súa proposta entre en vigor en xuño, avoga por "permitir a entrada á UE por motivos non esenciais non só a todas as persoas procedentes de países cunha boa situación epidemiolóxica, senón tamén a todas as persoas que recibiran a última dose recomendada dunha vacina autorizada pola UE", indica a Comisión nun comunicado.
A Comisión quere permitir a entrada na UE a "aquelas persoas que recibiran, polo menos 14 días antes da chegada, a última dose recomendada dunha vacina que recibira a autorización" da Axencia Europea do Medicamento ( EMA), é dicir, Pfizer, Moderna, AstraZeneca e Jannsen.
"Isto debería facilitarse unha vez que o Certificado Verde Dixital entre en funcionamento" e para iso os viaxeiros deberían "poder demostrar o seu estado de vacinación cun certificado verde dixital emitido polas autoridades dos estados membros de forma individual ou con outro certificado recoñecido como equivalente", sostén a CE
Bruxelas agrega que "se os estados membros deciden renunciar aos requisitos para presentar unha proba de PCR negativa e/ou someterse a corentena para as persoas vacinadas no seu territorio, tamén deben renunciar a tales requisitos para os viaxeiros vacinados de fóra da UE".
Os nenos que están excluídos da vacinación deberían de poder viaxar cos seus pais inoculados se teñen unha proba de PCR negativa tomada como mínimo 72 horas antes.