Bruxelas quere destinar 4.000 millóns a un plan contra o cancro
A Comisión Europea desvelou este mércores a súa estratexia para combater o cancro na UE, que prevé destinar ata 4.000 millóns de euros durante os próximos anos a medidas de detección temperá, mellora da calidade de vida, prevención ou diagnóstico e tratamento desta enfermidade, que o ano pasado lles custou a vida de 1,3 millóns de europeos.
"Unha Unión da Saúde é unha Unión en que os cidadáns sexan protexidos de cancros evitables, en que poidan ter acceso a diagnósticos temperáns e en que todos poidan acceder a coidados de alta calidade en cada punto do camiño", explicou a comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, na conferencia de prensa en que o Executivo comunitario presentou a súa estratexia.
O plan está estruturado en catro grandes áreas, que inclúen dez iniciativas que desenvolver durante esta década. Entre elas, por exemplo, a creación o próximo ano dun Centro de Coñecemento sobre o Cancro que axude a coordinar as iniciativas a nivel europeo, ou a posta en marcha dunha plataforma que apoie o desenvolvemento de novos programas de computador que melloren solucións médicas personalizadas e innovadoras.
A estratexia tamén pasa por establecer para 2025 unha rede europea que conecte todos os centros nacionais de investigación do cancro, ampliar o acceso da poboación europea a tratamentos e métodos de diagnóstico innovadores ou actualizar as recomendacións europeas sobre revisións.
Ademais, o novo plan europeo contra o cancro marca o obxectivo de vacinar "polo menos" o 90% das nenas do virus do papiloma humano para 2030 e ampliar para ese ano a vacinación a unha parte "significativa" dos nenos. Bruxelas tamén prevé crear este mesmo ano un Rexistro de Desigualdade do Cancro, que sirva para "identificar tendencias, disparidades e desigualdades" entre estados membros e rexións do bloque.