CRTVG

Buscar

Bruxelas propón unha desescalada en tres fases e a apertura gradual das fronteiras internas este verán

Publicado o 12/05/2020 22:37

A Comisión Europea presentará este mércores un paquete de recomendacións para axudar aos Estados membro a relanzaren o turismo tras a crise do coronavirus e tratar de que sigan unha estratexia coordinada na saída gradual do confinamento que inician agora e que Bruxelas espera que leve a unha apertura tamén progresiva das fronteiras interiores este verán.

Trátase de completar a folla de ruta que xa ofreceu ás capitais no mes de abril para alentar un enfoque común na volta á normalidade tras a descoordinación inicial, que, coa prioridade de relanzar o turismo, se apoiará en protocolos sanitarios e de seguridade para os principais destinos turísticos e hoteis, en guías para os servizos de transporte e nunha mellor coordinación.

Xa nas últimas semanas, varios comisarios confiaron en que os europeos poidan empezar a viaxar de novo "desde este verán", despois do malestar creado en países como España cando a xefa do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, expuxo non facer plans para esta tempada vacacional.

Coa chegada do coronavirus a Europa, unha ducia de países da UE, entre eles España, pecharon as súas fronteiras interiores para frear os desprazamentos dentro do espazo sen fronteiras Schengen. A medida, Bruxelas non a viu con bos ollos e agora é partidaria de relaxar "gradualmente" en canto a situación epidemiolóxica o permita.

A comisaria de Interior, Ylva Johansson, concedeu esta semana ante a Eurocámara que "levará tempo" levantar todas as restricións nas fronteiras dentro de Schengen porque require un labor "complexo", á vez que apostou por unha apertura gradual, baseada en criterios epidemiolóxicos e que cumpra o principio de "non discriminación".

Deste xeito, a estratexia por que avoga Bruxelas parte dun enfoque "flexible en tres fases" que partan da relaxación nas zonas cos niveis do virus máis baixos e "equiparables" e capaces de ofrecer "información en tempo real" da súa situación epidemiolóxica, segundo un borrador da comunicación. Outros criterios, como a capacidade dos servizos sanitarios para atenderen novos casos, a capacidade de vixiar e controlar unha eventual repunta e as medidas de protección como barreira deberán pesar igualmente, a xuízo da Comisión, que non ten competencias en materia sanitaria nin na xestión de fronteiras porque son exclusivas dos Estados membros.

Na súa comunicación, o Executivo comunitario advirte de que a coordinación entre países e un enfoque común en materia sanitaria será "crucial" para restaurar a confianza dos turistas e que os europeos volvan ter ganas de viaxar e pasar tempo de vacacións "este verán e máis aló".

Tamén se espera do Executivo comunitario que tome unha posición máis clara con respecto aos dereitos dos pasaxeiros e ás opcións das aeroliñas de ofrecer cupóns de viaxe para compensar os voos anulados durante esta crise. Doce países e numerosas aeroliñas pediron relaxar temporalmente as regras que protexen os consumidores e lles dan o dereito a rexeitar estes vales e reclamar o reembolso, aínda que Bruxelas respondeu ata o de agora que esa opción só pode ser voluntaria e corresponde ás compañías facer ofertas "máis atractivas" para os usuarios.

A industria do turismo contribúe nun 10 % ao PIB da Unión Europea, onde é fonte de emprego para preto de 27 millóns de persoas, segundo os datos de Bruxelas, que recalca que a UE é o destino líder no mundo. A facturación do sector na Unión Europea caerá este ano un 50 % por causa do coronavirus, segundo cálculos da Comisión, que prevé un dano de ata o 70 % no caso de operadores turísticos e axencias de viaxe e dun 80 % para aeroliñas e cruceiros.

Noticias web

12/05/2020