CRTVG

Buscar

Bruxelas propón dous millóns de axuda para recolocar a 500 despedidos do sector naval en Galicia

Publicado o 15/09/2020 21:14

A Comisión Europea propuxo  destinar 2 millóns de euros a axudar a recolocar a un total de 500 persoas que perderon o seu emprego na industria da construción naval e sectores auxiliares en Galicia. "A globalización e a perda de cota no mercado mundial afectaron gravemente ao sector europeo da construción naval, que se atopa exposto a unha maior competencia de fóra da Unión Europea", indicou o comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit.

En concreto, o apoio aos parados dos estaleiros en Galicia estará destinado a custear medidas de reciclaxe profesional e mellora das capacidades a fin de que poidan atopar emprego noutros sectores. Segundo explicou Bruxelas nun comunicado, a diminución da cota de mercado da UE na produción mundial de buques e o aumento da competencia mundial tiveron "consecuencias nefastas" para a industria auxiliar galega de construción naval.

O Goberno de España solicitou axuda do FEAG após o despedimento de 960 traballadores en empresas auxiliares dos estaleiros de Galicia entre maio de 2019 e febreiro de 2020. Está previsto que as axudas europeas cubran as medidas de apoio a 500 traballadores. En concreto, trátase de proporcionarlles orientación profesional, apoio na súa procura de emprego, posibilidades de adquirir novas capacidades a través da formación profesional, e seguimento e asesoramento despois de atopar outro traballo.

Ademais, os traballadores terán acceso a outros incentivos, como unha contribución aos gastos dos coidadores no ámbito familiar e apoio financeiro para fomentar unha reinserción laboral rápida. O custo total estimado do conxunto da axuda é de 3,4 millóns de euros, dos cales 2 millóns de euros serán abonados polo FEAG. A Administración autonómica, a Xunta de Galicia, achegará o importe restante. As axudas, que proceden do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG), aínda deben ser aprobadas polos Vintesete e polo Parlamento Europeo para que sexan transferidas desde as arcas comunitarias.

Noticias web

15/09/2020