CRTVG

Buscar

Bruxelas pídelle a Transición Ecolóxica que rectifique e permita a venda de marraxo

Publicado o 04/03/2021 17:04

Bruxelas critica a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica español de prohibir a venda do Marraxo, cando o de Pesca si autoriza a súa captura. Esta descordinación entre ministerios fai que os pescadores galegos leven meses co marraxo acumulado nos conxeladores, coas perdas económicas que isto supón. 

90 toneladas de marraxo están en cámaras frigoríficas á espera dunha resolucion ao seu veto comercial. O Ministerio de Pesca autorizou a súa captura, pero outro Ministerio, o de Transición Ecolóxica prohibe a súa venda tras elevar a protección desta especie. E no medio está o sector que debe asumir os custos do almacenamento do peixe e a falta de ingresos da venda.

"É tan sinxelo como que o que podes pescar pódelo comercializar, o que non podes pescar non o podes comercializar. Perdemos mercados que ocuparán outros operadores", denuncia Emilio Martínez. Presidente de Asociación Nacional de Empresas Comercializadoras e Transformadoras de Especies Altamente Migratorias.

Que este peixe non se poida vender afecta a preto dun cento de palangreiros galegos. As asociacións de produtores xa preparan unha demanda xudicial contra o Estado por danos e prexuízos que poderían ascender ao millón de euros.

"Dous ministerios descoordinados están prohibindo o comercio dunha pesca legal, pedimos claridade e seguridade xurídica", di Sergio López. da Organización de produtores da Mariña.

Bruxelas que xa estableceu a cota de pesca para o marraxo para este ano, dálle a razón ao sector pero segue sen despexarse o futuro sobre a súa comercialización.

Noticias web

04/03/2021