CRTVG

Buscar

Bruxelas pide un código de cores común a toda a UE para as restricións das viaxes

Publicado o 04/09/2020 19:27

A Comisión Europea (CE) propuxo este venres que os estados membros acorden un código de cores común en toda a Unión Europea (UE) para coordinar mellor posibles restricións de viaxe polo coronavirus, e que usen os mesmos criterios para determinar se unha área é de risco ou non. "Os cidadáns necesitan poder identificar claramente as zonas de risco en Europa".

O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades ( ECDC) emitirá cada semana un mapa actualizado, baseado na información que dean os gobernos nacionais. No mapa, as rexións serán verdes, laranxas ou vermellas, dependendo da situación epidemiolóxica", dixo a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. A Comisión pide tamén que "ningún país restrinxa a entrada a cidadáns europeos" e suxire que se opte no seu lugar por probas PCR e corentenas.

"A Comisión Europea estivo pedindo este tipo de coordinación desde principios de agosto. Escribimos aos estados membros, expóndolles preguntas para asegurar que podemos coordinar unha acción común. Pero hai que entender que a decisión final está en mans dos estados membros", lembrou en conferencia de prensa o comisario europeo de Xustiza, Didier Reynders. "Esperamos que a proposta sexa adoptada polo Consello (os países) e teñamos a oportunidade de aplicar unha serie de regras claras", engadiu.

Para sortear as discrepancias de requisitos que aplica cada país dentro do espazo Schengen, a Comisión propón que se teñan en conta criterios como o número total de casos novos por 100.000 habitantes nun período de dúas semanas, a taxa de positividade da totalidade dos tests que se practiquen nun período de sete días ou a cantidade de PCR que leven a cabo nese lapso de tempo.

Os gobernos europeos deberían informar semanalmente o ECDC sobre estes datos a nivel rexional "para asegurar que as medidas se dirixan onde sexan estritamente necesarias", e esta entidade, que estivo actualizando os datos da pandemia na área Económica Europea e o Reino Unido desde marzo, publicaría un mapa completo coa información.

O código para este mapa que propón Bruxelas pintaría en verde as rexións onde o número de novos casos por 100.000 habitantes sexa menor a 25 nun período de dúas semanas e a taxa de positividade sexa inferior ao 3 %.

Quedarían en laranxa as zonas onde o número de novos casos sexa inferior a 50 por 100.000 habitantes nun período de dúas semanas pero a taxa de positividade dos mesmos sexa do 3 % ou superior. Tamén serían laranxas as rexións cuxa taxa de positividade sexa inferior ao 3 % pero rexistre entre 25 e 150 novos casos por cada 100.000 habitantes nun período de quince días.

As áreas de maior risco, en vermello, serían as que informan dun número de novos casos superior a 50 por 100.000 habitantes nun período de dúas semanas e unha taxa de positividade superior ao 3 %, ou se o número de novos casos supera os 150 por 100.000 habitantes, independentemente da taxa de positividade.

A Comisión propón tamén a cor gris para as rexións que non acheguen información suficiente ou as que practiquen menos de 250 test por cada 100.000 habitantes.

A pesar das zonas vermellas, Bruxelas pide aos estados membros que non deneguen a entrada a quen proceda de rexións tipificadas como de risco, senón que no seu lugar sexan illadas durante 14 días ou someterse a unha proba PCR á súa chegada, aínda que a corentena debería non aplicarse no caso de traballadores esenciais, transfronteirizos, estudantes ou xornalistas no exercicio da súa actividade.

A Comisión pide que, en calquera caso, os países informen de "futuras restricións á liberdade de movemento" ou da súa relaxación "unha semana antes da súa entrada en vigor" para minimizar o impacto que estes cambios teñen na vida dos cidadáns. 

Noticias web

04/09/2020