CRTVG

Buscar

Bruxelas investiga a Apple polos seus servizos de pagos e venda de aplicacións

Publicado o 16/06/2020 21:42

A Comisión Europea abriu este martes dúas investigacións para determinar se a multinacional tecnolóxica Apple infrinxe as normas de competencia europea coas condicións que impón no seu servizo de distribución de aplicacións Apple Store e no de pagamentos en liña Apple Pay.

O Executivo comunitario teme que os requisitos que fixa a empresa estadounidense aos desenvolvedores que utilizan Apple Store para distribuír as súas aplicacións, en particular aos seus competidores, e aos comerciantes e consumidores que usan Apple Pay poderían distorsionar a competencia no mercado europeo ou supoñer un abuso de posición dominante.

Por unha banda, Bruxelas analizará se as restricións que Apple impón nos seus acordos coas empresas que queren distribuír as súas aplicacións a través da Apple Store restrinxe a competencia no mercado de distribución de música en liña ou de libros ou audiolibros electrónicos.

A investigación iniciouse por mor das queixas en 2019 da empresa sueca de música en liña Spotify e en 2020 dun provedor de libros e audiolibros electrónicos, servizos en que Apple compite coas súas propias aplicacións Apple Music e Apple Books respectivamente.

A Comisión analizará en concreto a obriga de que todos os distribuidores que usen a Apple Store utilicen o seu propio sistema de compra "IAP" para a distribución de contido dixital, polo que Apple cobra unha comisión do 30 % por cada subscrición feita a través deste sistema.

Ademais, a empresa estadounidense impide aos distribuidores informaren os usuarios doutras opcións para adquirir a aplicación fóra da App Store que sexan máis baratas, por exemplo na páxina web do desenvolvedor.

"Parece que Apple ten un papel de porteiro na distribución de aplicacións e contidos para os usuarios dos populares dispositivos Apple. Temos que asegurar que as normas de Apple non  distorsionan a competencia en mercados onde Apple está a competir coas aplicacións doutros desenvolvedores", dixo a vicepresidenta da Comisión e responsable de Competencia, Margrethe Vestager, nun comunicado.

Doutra banda, nunha investigación separada, a Comisión analizará os termos e condicións que esixe a empresa aos comerciantes e páxinas web para integraren o seu servizo de pago, Apple Pay a través de iPhone ou iPad, porque teme que "poden distorsionar a competencia e reducir as opcións e innovación".

Ademais, Apple Pay é a única aplicación de pagamentos que pode acceder nos dispositivos de Apple á funcionalidade NFC, que permite pagar en tendas con só achegar o teléfono ao terminal de pagamentos do comerciante.

Bruxelas analizará así mesmo as "supostas restricións do acceso a Apple Pay para produtos específicos de competidores", indicou a Comisión nun comunicado.

En última instancia, Bruxelas teme que o comportamento do xigante tecnolóxico poida estar a reducir as opcións para os consumidores e provocando un posible aumento dos prezos que pagan.

"É importante que as medidas de Apple non neguen aos consumidores os beneficios das novas tecnoloxías de pagamento, incluíndo mellores opcións, calidade, innovación e prezos competitivos", dixo Vestager.

A Comisión levará a cabo estas investigacións con "prioridade", aínda que non existe un límite de tempo legal para que resolva as súas pescudas en materia de antimonopolio.