Bruxelas inclúe o marisqueo no paquete de axudas pola crise do coronavirus
Boas novas para o sector marisqueiro galego. Bruxelas decidiu incluír tanto o marisqueo como as empresas de transformación de produtos pesqueiros no paquete de axudas habilitado para facerlle fronte á pandemia da COVID-19.
O Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea acordaron que os mariscadores e empresas de transformación e distribución de produtos pesqueiros poidan beneficiarse das axudas europeas, habilitadas dentro do Fondo Marítimo e de Pesca. Aceptan así todas as enmendas que presentaron os eurodeputados do Partido Popular Gabriel Mato e Millán Mon para mellorar a proposta inicial. Unha nova que acollen con optimismo os pósitos galegos. Tamén a Xunta aplaude esta decisión. Por outra banda, a conselleira de Pesca segue insistindo en que o Goberno central debe analizar a exclusión do marisqueo de entre as actividades esenciais. Así o esixiu nun escrito remitido ao Ministerio de Sanidade.