CRTVG

Buscar

Bruxelas establece a necesidade de que os drons de máis de 25 quilos leven matrícula

Publicado o 13/03/2019 17:05

Son, sobre todo, aparellos de uso profesional, en Aduanas, Policía, Salvamento ou contra o lume. A matriculación non será necesaria para os aparellos de control remoto de uso recreativo, lúdico ou deportivo. Eses, por lei, teñen que levar unha placa informativa con, entre outros datos, o contacto de quen o manexa.

Entramos na sede do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, a vista de dron. As imaxes foron difundidas polos servizos audiovisuais da Eurocámara, un particular non podería sobrevoar nin gravar a institución co seu aparello. En España, para cumprir a lei, un dron de uso lúdico debe voar, polo menos, a 8 quilómetros de distancia dun aeroporto, non pode ascender máis de cento vinte metros, ten que voar de día e quen o manexa, o piloto na distancia, debe ter sempre contacto visual co aparello. Un dron recreativo non pode sobrevoar nin tomar imaxes de lugares sensibles como cárceres, bases militares ou plantas nucleares.

Desde Bruxelas advirten de que voar un dron ten riscos. Para a privacidade, para o medio natural e para a seguridade. Por iso, desde a Comisión Europea buscan establecer unhas normas comunitarias conxuntas, que se sumarían ás normativas nacionais de cada país, para aumentar a seguridade e control dos aparellos non tripulados.

O Executivo comunitario quere poder rastrexar un aparello non tripulado se é preciso. Para iso, os avións non tripulados de uso policial, de salvamento, contra o lume ou de Aduanas, levarán matrícula. Os de uso lúdico teñen que levar xa, por lei, unha placa co nome de quen o manexa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2019