CRTVG

Buscar

Bruxelas di que os accesos aos portos de Vigo e da Coruña poden recibir financiamento

Publicado o 08/04/2019 21:11

En Bruxelas comparten a preocupación da Administración galega sobre a falta de concreción do Ministerio de Fomento en relación aos proxectos do Corredor Atlántico susceptibles de recibir financiamento. Desde a Dirección Xeral de Transportes da Comisión Europea vanlle pedir máis detalles ao ministerio. Así o confirmou a conselleira de Infraestruturas en varias reunións mantidas na capital comunitaria.

Do executivo comunitario comprométense coa conselleira de Infraestruturas a que, desde a capital comunitaria, van abrir unha liña de contactos urxente e permanente coa Administración galega para concretar os proxectos susceptibles de recibir fondos comunitarios para o Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías. A Comisión incluirá Galicia no grupo de traballos técnicos sobre a infraestrutura ferroviaria.

Desde a Dirección Xeral de Transportes recoñecen compartir a preocupación da Administración galega sobre a falta de avances por parte do Ministerio de Fomento nos proxectos que poderán recibir financiamento. Aínda non están concretadas as obras de mellora que se pretenden presentar á convocatoria dos Fondos Conectar Europa. Desde Bruxelas comprométense coa conselleira, aseguran que van pedirlle axilidade e aclaracións ao Ministerio de Fomento.

Desde a capital comunitaria transmítenlle á conselleira que os accesos aos portos da Coruña e Vigo poden ser susceptibles de recibir fondos europeos. Os proxectos deben ser presentados canto antes. Ademais do Corredor Atlántico, a conselleira Vázquez pediu en Bruxelas que se destinen fondos europeos de saneamento para a dragaxe da ría do Burgo.

Noticias web

08/04/2019