Bruxelas di que o AVE a Galicia non estará listo para o Xacobeo
A concesión dunhas axudas de 226 millóns de euros para o treito entre Lubián e Taboadela foi a que destapou a data que manexa Bruxelas para o AVE galego. Na nota informativa, a Comisión Europea di que se agarda que estea operativo a partir de xaneiro de 2022.
Unha data que non concorda coa anunciada polo Goberno central, que fixaba para decembro deste ano, de 2020, a posta en servizo da liña ao completo.
O Adif di que se trata dun malentendido e nega que haxa atrasos. Desde Fomento sinalan que lle deron esa data á Comisión Europea por precaución, para non perder as axudas en caso de que finalmente houbese algunha demora.
Desde o ministerio manteñen a previsión de rematar as obras este ano. Pero advirten de que a posta en servizo do AVE xa non depende deles, que dependerá das probas de seguridade.