CRTVG

Buscar

España podería obter máis de 140.000 millóns de euros da UE para a recuperación

Publicado o 27/05/2020 15:19

• Uns 77.000 millóns serían a fondo perdido e o resto préstamos a devolver

• O Goberno valora "positivamente" a proposta do Executivo comunitario

España podería obter ata 140.446 millóns de euros do fondo da Unión Europea para a recuperación económica tras a pandemia de coronavirus. Sería o segundo país, tras Italia, que máis cartos recibiría, segundo fontes comunitarias.

O financiamento dividiríase en 77.324 millóns en forma de transferencias a fondo perdido e outros 63.122 millóns en forma de préstamos que terían que devolverse.

A xefa do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen desvelou hoxe que a Unión porá a disposición dos membros 750.000 millóns de euros, dous terzos deles a fondo perdido, para a reconstrución económica e social posterior á pandemia de coronavirus.

España será, tras Italia, o segundo país que poderá optar a maiores cantidades.

Con este paso, Bruxelas abrirá a porta ás negociacións entre os estados membros e o Parlamento Europeo para pechar nos próximos meses un acordo sobre este fondo de reconstrución e sobre o orzamento da UE para o período 2021-2027, denominado xa pola dirixente comunitaria como a Unión Europea da Próxima Xeración.

O Goberno valorou a proposta "positivamente" porque  "recolle moitas das demandas que se expuxeron desde España".

Nun comunicado, o Executivo considera que  é unha base para a negociación e confía en que  o presidente do Consello, Charles Michel, inicie consultas cos líderes para convocar unha reunión do Consello Europeo "nas próximas semanas, que permita alcanzar un acordo canto antes".