Bruxelas denuncia a AstraZeneca por non respectar o contrato coa UE
A Comisión Europea (CE) denunciou a compañía anglosueca AstraZeneca ante os tribunais ordinarios belgas por entender que non respectou os termos do contrato de vacinas asinados co Executivo comunitario para o conxunto da Unión Europea.
"A nosa prioridade é garantir que as entregas de vacinas contra a COVID−19 se producen para protexer a saúde da UE. Por iso, a Comisión decidiu, xunto cos Estados membros, iniciar procedementos legais contra a farmacéutica. Cada dose de vacina conta. Cada dose salva vidas", sinalou en Twitter a comisaria de Saúde Stella Kyriakides.
O Executivo xa anunciara que estaba a consultar cos estados membros a súa intención de xudicializar a disputa con AstraZeneca, que entregou só 29,8 millóns de vacinas no primeiro trimestre e prevé entregar 70 millóns máis no segundo fronte aos 300 millóns de doses prometidas.
"A Comisión iniciou o pasado venres accións legais contra a compañía, conforme ao incumprimento do acordo de compra anticipada", precisou en conferencia de prensa o portavoz de Saúde da CE Stefan de Keersmaecker.
Segundo a Comisión, a farmacéutica non respectou "algúns termos do contrato" e "a empresa non estivo en posición de achegar unha estratexia confiable para garantir as entregas das doses".
Non mercará doses adicionais
Ademais anunciou que non mercará os 100 millóns de doses adicionais aos que tiña opción, segundo o acordo asinado pola CE, que centraliza a compra de unidades para os Vinte e sete.
Antes de cursar a denuncia, a Comisión quería contar co apoio de todos os países da UE, e algúns, como Francia, Alemaña ou os Países Baixos, reclamaban ver o escrito legal antes de introducilo nun xulgado.
É un paso máis na tensa relación entre a Comisión e AstraZeneca desde o inicio do ano, cando a compañía anunciou que fallaría nas entregas sen achegar, a xuízo de Bruxelas, explicacións convincentes sobre os motivos.
O Executivo comunitario pediu nunha carta á farmacéutica anglo-sueca o pasado 19 de marzo explicacións polos seus atrasos e iniciou así o procedemento de resolución de disputas previsto no contrato, que agora chegou aos tribunais.