CRTVG

Buscar

Bruxelas defende o seu plan de vacinación, pero varios países buscan saídas unilaterias

Publicado o 02/03/2021 18:37
Bruxelas defende o seu plan de vacinación, pero varios países buscan saídas unilaterias

A Comisión Europea (CE) aferrouse este martes á súa estratexia de vacinación, a pesar de que co anuncio de Austria e Dinamarca de que se propoñen cooperar con Israel na produción de futuras vacinas aumenta a fenda na unidade mantida ata agora entre os Vinte e sete.  

"O que algúns países están a estudar é como preparar o futuro (...), en particular, á hora de prepararse ante as variantes, que é algo en que nós xa estamos a traballar", dixo hoxe o portavoz do Executivo comunitario, Eric Mamer.  

A súa resposta chegou despois de que o primeiro ministro austríaco, Sebastian Kurz, criticara hoxe a Axencia Europea do Medicamento (EMA) por ser demasiado lenta na autorización das vacinas e asegurara que tanto o seu país como Dinamarca "deixarán de depender no futuro da Unión Europea", porque cooperarán con Israel na fabricación dos futuros fármacos que teñan que adaptarse ás variantes do virus.  

Kurz, ademais, está a buscar tamén apoio en Rusia, xa que onte falou co líder do Kremlin, Vladímir Putin, sobre a posibilidade de recibir e producir unha parte da vacina rusa Sputnik V.  E mentres Viena iniciou onte os contactos con Moscova, Hungría e Eslovaquia van xa un paso por diante e empezaron a recibir dose do fármaco ruso.  

A principios de mes, Hungría, que foi o primeiro país da UE en abrir unha fisura na estratexia comunitaria, obtivo as primeiras 400.000 doses de Sputnik V, e a Eslovaquia chegaron onte as primeiras 200.000 doses do fármaco. 

Ante estas accións individuais que empezaron a tomar algúns países da UE, o portavoz de Sanidade do Executivo comunitario, Stefan de Keersmaecker, saíu hoxe ao paso dicindo que "sempre houbo un grande apoio ao enfoque conxunto da estratexia de vacinación, baseado na cooperación e a coordinación dos estados membros". 

Segundo o portavoz, a estratexia de negociar a compra de vacinas en nome dos Vinte e Sete permitiu obter un total de 2.500 millóns de doses, dos cales, tras a autorización dos fármacos de Pfizer-BioNTech, Moderna e AstraZeneca, fabricaranse un total de 1.500 millóns. 

Bruxelas quixo lembrar hoxe que a semana pasada presentou un novo plan para adaptarse ás variantes da covid-19, que prevé aprobar con maior rapidez os cambios que se teñan que introducir nas vacinas para adaptalas ás mutacións e adaptar os contratos asinados coas farmacéuticas. 

Ademais, a CE confía en que o grupo de traballo que creou para cooperar cos laboratorios contribúa a diminuír os colos de botella que existen hoxe en día na produción e a distribución das doses.  

Os portavoces da Comisión dixeron hoxe que o Executivo comunitario está disposto a "aprender as leccións" que se poidan sacar da cooperación de Viena e Copenhague con Israel na produción de vacinas.  

Ao tempo, Mamer quixo contrarrestar as críticas que xurdiron polo menor ritmo de vacinación que hai na UE respecto de países como Israel, o Reino Unido ou Estados Unidos. 

"A UE ten 450 millóns de habitantes e non ao redor de 10 millóns, como Israel. Hai que manter certo sentido da proporcionalidade á hora de (avaliar) o reto ao que nos enfrontamos, en comparación cun país en concreto", dixo.  "A UE está composta por 27 estados membros, que teñen estruturas extremadamente diferentes, tanto administrativas, como en sistemas sanitarios ou densidade de poboación. Non se pode escoller un modelo e replicarlo na UE", defendeu Mamer. 

Noticias web

02/03/2021