CRTVG

Buscar

Bruxelas eleva o déficit de España tres décimas máis do que calcula o Goberno

Publicado o 07/05/2019 19:32

Bruxelas avisa de que España non logrará baixar o déficit por debaixo do 2 por cento nin este ano nin o que vén, en contra do que estima o Goberno. As previsións da Comisión Europea advirten de que 2020 pode haber un desfasamento de ata nove décimas, uns 11.000 millóns de euros. Así e todo, Bruxelas estima que a economía española seguirá medrando por riba da zona euro.

Segundo as previsións da Comisión Europea, a economía española seguirá medrando, pero continuará lonxe da estabilidade orzamentaria. Bruxelas prevé de novo unha desviación do déficit para os próximos dous anos. Estima que pechará 2019 no 2,3 por cento, tres décimas por riba do previsto polo Goberno español. O desfasamento en 2020 prevé que será aínda maior: onde España anuncia un 1,1 por cento, Bruxelas estima un 2, nove décimas máis que supoñen uns 11.000 millóns de euros.

A Comisión Europea advirte tamén de que a taxa de creación de emprego irá desacelerándose, malia que prevé que o paro siga baixando en España ata o 12,2 por cento en 2020.

Con estas previsións na man, Bruxelas pídelle ao Goberno español máis esforzos para sanear as súas contas, sobre todo para reducir o déficit e a débeda. Así e todo, mantén que a economía española medrará un 2,1 por cento este ano e un 1,9 por cento o que vén, por riba da media da zona euro, polo que o executivo comunitario proporá en xuño que España saia do procedemento comunitario de déficit excesivo despois dunha década.

 

Noticias web

07/05/2019