CRTVG

Buscar

Bruxelas considera que as prórrogas da concesión da AP-9 ata 2048 non son legais

Publicado o 23/09/2021 16:06

• A CE cre que para concederse tiñan que facerse por licitación

• España ten dous meses para facer alegacións ao expediente 

A Comisión Europea anunciou este xoves a apertura dun expediente a España pola extensión da concesión da autoestrada AP-9 sen unha previa licitación pública. A Comisión responde así á demanda presentada pola asociación En-Colectivo.

Italia e España ampliaron a duración das concesións de autoestradas sen iniciar previamente procedementos de licitación. Segundo o Dereito da UE, a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación.

Bruxelas enviou unha carta ás autoridades españolas para asegurarse da correcta aplicación da regulación europea na concesión de contratos, ao considerar que España, do mesmo xeito que Italia, non cumpriu coas súas obrigacións nesta materia.   

En concreto, pon o foco sobre a extensión do contrato da AP-9 que conecta Ferrol coa fronteira  hispano-lusa. En concreto, o Executivo europeo considera que a última ampliación da concesión da AP-9, que estenderá as peaxes ata 2048, non se fixo de acordo á lexislación europea. Tanto a duración como o alcance da concesión están baixo a lupa de Bruxelas, xa que a regulación comunitaria establece que a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante concurso público.

Desta forma dáse a oportunidade ás empresas interesadas a optar á concesión, promovendo un mellor servizo ao menor prezo. Para corrixir isto, Bruxelas espera que as autoridades españolas saquen a renovación da AP-9 a concurso público, o que debería facerse ao acabar a vixencia da concesión, en lugar de prorrogarse. 

Agora as autoridades españolas teñen dous meses para contestar as dúbidas expostas por Bruxelas. En caso de non responder satisfactoriamente, o Executivo comunitario podería enviar un ditame motivado e, como último paso, mandar a España ao Tribunal de Xustiza da UE.

A asociación galega En-Colectivo presentou en xullo de 2020 unha denuncia ante a Comisión Europea por considerar que as prórrogas da concesión da AP-9 a Audasa, aprobadas por senllos reais decreto en 1994 (ata 2023, durante o Goberno de Felipe González) e 2000 (ata 2048, durante o Goberno de José María Aznar) por considerar que vulneran a normativa comunitaria. 

No caso de Italia, o Executivo europeo sinala un episodio similar coa autoestrada na provincia de Livorno.   

O caso italiano xa fora obxecto dunha sentenza ditada en setembro de 2019 na que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditaminou que, ao ampliar a duración da concesión da autoestrada á Società Autostrada Tirrenica p.A. sen iniciar previamente un procedemento de licitación, Italia infrinxira a Directiva 2004/18/CE sobre contratación pública.

Dous anos despois da conclusión do Tribunal de Xustiza, parece que Italia aínda non tomou medidas para garantir a execución oportuna da sentenza.

En concreto, as ampliacións das concesións que agora se cuestionan, polas que Audasa prolongou a explotación da autoestrada ata o ano 2048, son as que se produciron nos anos 1994 e 2000.

 

 

 

 

Noticias web

23/09/2021