CRTVG

Buscar

Bruxelas condena a Marrocos pola avalancha migratoria sobre Ceuta

Publicado o 10/06/2021 17:02

• O Parlamento Europeo alíñase coa posición da ONU sobre o Sáhara

• O ministro de Exteriores de Marrocos acusa a España de 'europeizar' a crise

 

Bruxelas condena a Marrocos pola avalancha migratoria sobre Ceuta

O Parlamento Europeo cargou este xoves contra Marrocos pola avalancha migratoria rexistrada en Ceuta. Sobre todo, censurou o uso de menores para meterlle presión politicamente a España por desavinzas en política exterior. Ademais, reclamou fondos de emerxencia para asistir a cidade autónoma.

Nunha moción aprobada por 397 votos a favor, con 85 en contra e 196 abstencións, a eurocámara pon de manifesto o rexeitamento á estratexia de Rabat. Sobre todo, critica que puxera en risco a vida de miles de menores co obxectivo de responder a España por atender o líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali.

A moción conxunta de populares, socialistas, liberais e verdes lamenta o empeoramento da crise diplomática e política que "socava a estratexia multidimensional e as relacións de veciñanza privilexiadas entre Marrocos, a Unión Europea e os seus estados membros".

Neste sentido, defende a vía diplomática para abordar as desavinzas entre Madrid e Rabat e pide rebaixar as tensións, así como retomar o diálogo construtivo no seo da asociación UE-Marrocos.

Fronteira exterior da UE

A resolución insiste na mensaxe de que Ceuta é unha fronteira exterior da Unión Europea, polo que a protección e a seguridade lle concirne ao conxunto dos estados. Ademais, expresa a súa solidariedade coa cidadanía de Ceuta e coas forzas de seguridade españolas.

Do mesmo xeito, agradece a reacción da axencia Frontex ofrecendo apoio ás autoridades españolas para xestionar o reto migratorio e demándalle á Comisión Europea financiamento adicional para acoller menores sen compañía.

Porén, non todo son críticas a Rabat, a cámara tamén valora positivamente o anuncio do reino alauita de facilitar a volta de menores identificados que cruzaron a territorio europeo de xeito ilegal. Neste sentido, demandan cooperación a España e Marrocos para lograr a repatriación e devolvelos ás súas familias, seguindo os estándares internacionais en beneficio dos menores.

En liña coa posición da ONU sobre o Sáhara

Con respecto ao conflito do Sáhara Occidental, detonante da crise entre Marrocos e España, o Parlamento Europeo reitera a posición "consolidada" da UE en liña co Dereito Internacional e as resolucións de Nacións Unidas.

Ademais, pon o foco en que só un proceso político liderado polas Nacións Unidas pode lograr unha solución duradeira, pacífica e mutuamente aceptable ao problema.

 

Noticias web

10/06/2021