CRTVG

Buscar

Bruxelas chega a un acordo con AstraZeneca para poñeren fin á batalla xudicial

Publicado o 03/09/2021 11:01
EFE

A Comisión Europea (CE) anunciou este venres que retira a súa denuncia xudicial contra a farmacéutica anglo-sueca AstraZeneca tras chegaren a un acordo para a entrega das vacinas contra a covid−19 non distribuídas.

Segundo o "acordo de conciliación", AstraZeneca entregará 135 millóns de doses adicionais para fins de 2021 (60 millóns de doses para fins do terceiro trimestre e 75 millóns de doses para os finais do cuarto trimestre) e as doses restantes (65 millóns) a finais de marzo de 2022, indicou a Comisión nun comunicado.

"Os Estados membros disporán de calendarios de entrega regulares e aplicaranse descontos limitados en caso de atrasos nas doses", agregou o Executivo comunitario.

Bruxelas denunciou a farmacéutica ante a xustiza belga o pasado abril, tras meses de enfrontamento público, ao considerar que incumprira inxustificadamente coas entregas da súa vacina contra o coronavirus asinadas en agosto de 2020 coa Unión Europea.

O litixio separouse en dous xuízos, un con carácter de urxencia e outro sobre o fondo do asunto. No primeiro proceso, un xulgado de primeira instancia de Bruxelas obrigou a farmacéutica a fixar un calendario de entregas, pero esixía ao laboratorio que proporcionase só 50 millóns de doses para setembro, fronte aos 300 millóns que reclamaba a Comisión.

Ambas as partes celebraron a sentenza como unha vitoria, a expensas de que se celebrase a partir de setembro o segundo xuízo sobre o fondo do asunto, no que a Comisión, en nome dos Estados membros da UE, podía esixir tamén unha indemnización polo atraso nas entregas.

Con todo, antes de que se celebrase a primeira vista, as partes chegaron a un acordo que pon fin á batalla xudicial, iniciada porque Bruxelas sospeitaba que os atrasos de AstraZeneca non se debían a circunstancias de forza maior ligadas á acelerada produción dunha nova vacina, senón porque o laboratorio fornecera outros clientes coas doses europeas. 

AstraZeneca móstrase satisfeita polo acordo

A farmacéutica expresou a súa satisfacción polo acordo alcanzado coa Comisión Europea. Nun comunicado divulgado hoxe, AstraZeneca sinala o seu compromiso de entregar as vacinas acordadas.

O vicepresidente executivo da unidade de negocio de produtos biofarmacéuticos de AstraZeneca Ruud Dobber expresou a súa satisfacción ao poder chegar a un entendemento común que lles permite avanzar e traballar en colaboración coa Comisión Europea para axudar a superar a pandemia.

"Estamos totalmente comprometidos coa fabricación de Vaxzevria para Europa", subliñou Dobber, quen agregou que a compañía desexa "traballar coa Comisión Europea nun esforzo conxunto para apoiar aínda máis a COVAX (Fondo de Acceso Global para Vacinas COVID19)".

Noticias web

03/09/2021