CRTVG

Buscar

Bruxelas di que a independencia supón saír da UE e pide pasar da violencia ao diálogo

Publicado o 02/10/2017 13:29

A Comisión Europea avisou hoxe de novo á Generalitat de Cataluña de que unha hipotética independencia suporía saír da Unión Europea e chamou ao diálogo entre "todos os actores relevantes", á vez que subliñou que a violencia "nunca pode ser instrumento na política". Neste sentido, mostrou a súa confianza no "liderado" do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, para buscar unha solución tras un referendo que "non foi legal".

Bruxelas quixo subliñar que a súa posición xeral sobre a independencia dun territorio dun Estado membro non variou nunha década. "Se se organizase un referendo en liña coa Constitución española suporía que un territorio saínte se atoparía fóra da Unión Europea", indicou o portavoz Schinas. "Máis aló dos aspectos puramente legais neste asunto, a Comisión cre que son tempos de unidade e estabilidade, non de división e fragmentación", engadiu.

O portavoz da Comisión tamén quixo facer un chamamento "a todos os actores relevantes a avanzar agora moi rapidamente da confrontación ao diálogo. A violencia nunca pode ser un instrumento na política", declarou o portavoz xefe do Executivo comunitario, Margaritis Schinas, nunha rolda de prensa en Bruxelas.

Schinas remitiuse de novo a esta expresión para evitar contestar de maneira directa á pregunta de se o Executivo comunitario está de acordo co Goberno español en canto a que o uso de forza foi "proporcional" para impedir a celebración do 1-0.

O portavoz engadiu que de acordo á orde constitucional en España o voto deste domingo "non foi legal" e que o desafío secesionista é un asunto "interno" que ten que ser abordado no marco do que marca a Constitución.

Ante as chamadas á mediación que recibiu Bruxelas de parte de varios grupos políticos e do Goberno catalán, Schinas dixo non querer "especular" sobre tal posibilidade e deixou claro que a Comisión se aten ao devandito ata agora. Tampouco quixo valorar a posibilidade de iniciar o procedemento por violación do Estado de dereito contra España (contemplado no artigo 7 do Tratado da UE), tal e como pediron un grupo de eurodeputados. En todo caso, engadiu, se a Eurocámara decide abrir tal debate, a Comisión participará "ao nivel adecuado" na discusión.

Membros da Comisión Europea e do Goberno español estiveron en contacto ao longo do domingo, segundo revelou o portavoz comunitario, e está previsto que ao longo da tarde deste luns se produza unha chamada telefónica entre Rajoy e o xefe do Executivo comunitario, Jean-Claude Juncker.

Bruxelas confía no "liderado" de Rajoy para xestionar este "difícil proceso" e de facelo en "pleno respecto" da Constitucional española e dos Dereitos Fundamentais dos cidadáns que quedan consagrados na mesma.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/10/2017