CRTVG

Buscar

Bruxelas avisa a España de que o orzamento para 2020 non asegura cumprir o déficit

Publicado o 22/10/2019 10:39

A Comisión Europea (CE) advertiu este martes ao Goberno español de que o seu plan orzamentario para 2020 supón un "risco importante" de desviarse do axuste fiscal que esixe Bruxelas para 2020 e pediulle que envíe unhas contas actualizadas tan pronto como o proxecto sexa enviado ao Congreso.

Nunha carta enviada á ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, o Executivo comunitario advirte de que o plan remitido o 15 de outubro non respectaría os requisitos comunitarios de redución do déficit estrutural, control do gasto público e redución da débeda pública.

O envío desta misiva é o primeiro paso dentro do procedemento polo que a Comisión vixía os orzamentos dos países da eurozona e avisa a aqueles países que presentan risco de desviarse das normas comunitarias, pero non supón o rexeitamento das contas.

Na mesma, a Comisión sinala que o borrador orzamentario apunta a que o déficit estrutural -que non ten en conta o ciclo económico- reduciríase só un 0,1 % do PIB, o que "queda curto" con respecto á rebaixa do 0,65 % que esixe Bruxelas para 2020.

España saíu do procedemento correctivo por déficit excesivo este ano tras levar o seu déficit nominal por baixo do máximo do 3 % en 2018 (ao 2,5 %). O país pasa así a estar no brazo preventivo, onde a Comisión xa non fixa obxectivos de redución do déficit nominal, senón que se centra na corrección progresiva do déficit estrutural -o non ten en conta o efecto do ciclo económico.

Bruxelas pide a España reducir este déficit nun 0,65 % do PIB en 2020, o que equivalería a un axuste orzamentario -con aumento de ingresos ou redución de gastos- duns 7.600 millóns de euros.

A Comisión sinala, así mesmo, na carta que prevé un aumento do gasto público primario neto do 3,8 %, por encima do incremento máximo recomendado do 0,9 %.

O Executivo comunitario indica que estes elementos "apuntan a un risco de desviación significativa do esforzo fiscal recomendado en 2020, e ao longo de 2019 e 2020 no seu conxunto".

Ademais, prevé que España non cumpra en 2020 coa regra europea que esixe reducir a débeda pública progresivamente ata o limiar do 60 % do PIB que fixan as normas comunitarias.

O vicepresidente da CE para o Euro Valdis Dombrovskis, e o comisario de Economía, Pierre Moscovici, que asinan a misiva, recoñecen que o plan presentado polo Goberno non inclúe cambios de política debido a que o Executivo está en funcións e entenden que a presentación dunhas novas contas vai con atraso.

Con todo, subliñan "a importancia de que España remita un borrador de plan orzamentario actualizado" que garanta que se cumpren os requisitos comunitarios e convida o Goberno a envialo "tan pronto como o borrador para 2020 sexa enviado ao parlamento español".

"A Comisión quere continuar un diálogo construtivo con España para chegar a unha avaliación final", conclúe a carta.

O Goberno remitiu a Bruxelas o 15 de outubro o seu plan orzamentario para 2020, que constitúe esencialmente unha prórroga das contas vixentes, xa que as de 2019 non saíron adiante no Congreso e a proximidade da repetición electoral fai imposible ter un novo borrador a tempo.

Neste contexto, o plan contempla un escenario fiscal sen medidas adicionais. Elimina as medidas tributarias que prevían as contas erradas de 2019 e que foron comunicadas a Bruxelas o ano pasado -como a taxa dixital ou ás transaccións financeiras- pero incorpora a subida das pensións do 0,9 %, prometida polo Goberno, entre outras medidas de gasto.

Inclúe, ademais, un cadro macroeconómico actualizado, que rebaixa ao 2,1 % a previsión de crecemento e mantén a de déficit no 2 % para este ano.

O Goberno comprometeuse ao envialo a remitir unha actualización canto antes.