CRTVG

Buscar

Bruxelas avala o borrador orzamentario de 2021, pero advirte da débeda española

Publicado o 18/11/2020 20:59

A Comisión Europea (CE) considera que o borrador de orzamentos para 2021 que lle remitiu o Goberno español "está en liña" coas súas recomendacións, que pedían facer o necesario fronte á pandemia, pero pide prestar atención á sustentabilidade fiscal a medio prazo polo alto nivel de débeda.

"A maioría das medidas expostas no borrador de plan orzamentario de España apoian a actividade económica nun contexto de considerable incerteza", sinala o executivo comunitario na súa opinión sobre o borrador enviado o 15 de outubro, publicada este mércores.

Con todo, engade que "dado o alto nivel de débeda pública e os grandes desafíos para a sustentabilidade que había antes do brote da pandemia de covid-19, é importante para España asegurar que, cando se tomen medidas orzamentarias de apoio, se preserva a sustentabilidade fiscal a medio prazo".