CRTVG

Buscar

Bruxelas agarda ter vacinada o 70 % da poboación adulta en xullo

Publicado o 23/04/2021 17:20
Bruxelas agarda ter vacinada o 70 % da poboación adulta en xullo

A Comisión Europea (CE) adiantou de setembro a xullo o obxectivo de ter vacinada o 70 % da poboación europea adulta. Nunha visita á fábrica de Pfizer na localidade belga de Puurs, a presidenta do executivo comunitario, Ursula von der Leyen, amosou a súa confianza en contar coas doses suficientes para lograr ese obxectivo.

A mandataria recoñeceu que a Unión Europea tivo "problemas ao principio" da campaña de vacinación, pero celebrou que, desde entón, se acelerara o cociente de doses administradas nos vinte e sete estados membros.

Segundo os últimos datos recompilados polo Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC), un 23,7 % de persoas adultas europeas xa puxo unha dose dalgunha vacina aprobada pola Axencia Europea do Medicamento (EMA), mentres que o 8,7 % recibiu dúas picadas.

As porcentaxes varían amplamente entre países. Van dende o 42,3 % en Hungría ou o 9,3 % en Romanía, ata o 25,3 % en España ou o 26,8 % en Bélxica.

Na comparecencia sen preguntas, Von der Leyen anunciou que a EMA aprobou un incremento da capacidade de produción do 20 % na planta de Pfizer no norte de Bélxica.

A conservadora alemá subliñou que a UE exportou "máis de 155 millóns de doses de vacinas a máis de 87 países" das unidades producidas en territorio comunitario por distintos laboratorios, tantas como se distribuíron entre a cidadanía europea.